Viveiro acollerá o 15 de agosto a XLVII Gran Tirada de Tiro ao Prato “Concello de Viveiro”

Esta mañá tivo lugar no Concello de Viveiro a presentación da XLVII edición da Gran Tirada Concello de Viveiro, unha das citas máis destacadas do calendario galego de tiro ao prato, organizada polo Club de Tiro San Roque.

Viveiro, 28 de xullo de 2025. Esta mañá tivo lugar no Concello de Viveiro a presentación da XLVII edición da Gran Tirada Concello de Viveiro, unha das citas máis destacadas do calendario galego de tiro ao prato, organizada polo Club de Tiro San Roque e que se celebrará o 15 de agosto no campo de tiro da cidade.

A presentación contou coa presenza da alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, acompañada de Juan Casabella e Antonio Novo, membros da directiva do club organizador. A rexedora quixo destacar a longa traxectoria desta proba, “que ano tras ano consolida a súa importancia no panorama deportivo e contribúe tamén a dinamizar a nosa vila durante o verán”.

A competición dará comezo ás 9:00 horas e prolongarase ao longo de toda a xornada. A tirada está limitada a 84 participantes, que xa cubriron a totalidade das prazas dispoñibles, o que demostra a gran acollida e interese que esperta este evento.

Repartiranse arredor de 6.500 euros en premios, distribuídos por categorías, ademais de trofeos específicos para damas, veteranos, veteranos máster e junior.

O Concello de Viveiro colabora activamente con esta cita, recoñecendo o labor do Club de Tiro San Roque e o seu compromiso coa promoción do deporte.