Mariña Gueimunde asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios, en Mondoñedo

  • A alcaldesa de Viveiro subliñou a importancia de «preservar estas manifestacións colectivas que forman parte da nosa identidade».

Viveiro, 14 de setembro de 2025. Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, asistiu hoxe á ofrenda á Virxe dos Remedios en Mondoñedo, un dos actos relixiosos e culturais máis relevantes da Mariña e da provincia de Lugo. No acto congregáronse representantes institucionais, entidades sociais e veciñanza da comarca. A xornada mestura fe, historia e tradición popular.

A ofrenda á Virxe dos Remedios, que se celebra cada mes de setembro, é un dos fitos máis destacados do calendario mindoniense. As delegacións municipais participan neste acto solemne que mantén viva a devoción pola patroa da cidade de Mondoñedo e reforza a unión entre os concellos da contorna.

Mariña Gueimunde subliñou que «para Viveiro é unha honra participar nesta celebración tan arraigada que une ás nosas vilas a través da tradición e da cultura». Engadiu que «é fundamental preservar estas manifestacións colectivas que forman parte da nosa identidade e que fortalecen os lazos de fraternidade entre os pobos veciños».