- A poboación reprodutora estímase nunhas 115 parellas en Viveiro, Covas e Celeiro.
Viveiro, 8 de outubro de 2025. O Concello de Viveiro vén de pechar a campaña anual de control da gaivota patiamarela (Larus michahellis), desenvolvida entre o 2 de maio e o 29 de xullo de 2025 pola empresa especializada Larus Control S.L.N.E. O obxectivo foi conter a expansión da especie nos núcleos urbanos de Viveiro, Celeiro e Covas e reducir as molestias ocasionadas durante a época de cría.
Segundo o informe técnico, estimouse unha poboación reprodutora de arredor de 115 parellas (55 en Viveiro, 40 en Celeiro e 20 en Covas), das cales 74 foron detectadas. Este dato confirma unha estabilidade con respecto aos anos anteriores. Durante o período de traballo, foron retirados 93 niños e 189 ovos, e foron localizados 30 pitos nas cubertas revisadas.
A atención cidadá xestionou 30 reclamacións —todas canalizadas directamente coa empresa— e realizáronse 95 visitas a inmobles, con acceso a 62 direccións e revisión dun total de 150 tellados. O servizo, gratuíto para a veciñanza, centrouse na retirada de niños e ovos antes da eclosión, coa compostaxe do material biodegradable e o tratamento dos ovos nunha xestora autorizada.
O informe conclúe que diminuíron as molestias causadas pola especie e que a poboación se mantén controlada. As actuacións resultaron máis complexas en edificacións ruinosas ou deshabitadas.