O Concello de Viveiro organizará o terceiro Foro Económico o sábado 25 de outubro

  • Celebrarase no Hotel Thalasso Cantábrico Las Sirenas desde as dez da mañá e nel se analizarán as oportunidades que poden xurdir de sectores claves da Mariña.

Viveiro, 11 de outubro de 2025. O Concello de Viveiro celebrará o sábado 25 de outubro o terceiro Foro Económico «Unha mirada ao futuro de Viveiro e A Mariña», un espazo de diálogo que reunirá a empresas, administracións públicas, entidades asociativas e representantes do ámbito universitario co obxectivo de analizar o presente e o futuro económico da comarca.

O encontro terá lugar no Hotel Thalasso Cantábrico Las Sirenas e o obxectivo é poñer en valor as oportunidades de alto rendemento que poden xurdir de sectores clave como o forestal, o turismo ou a gastronomía, fomentando un desenvolvemento produtivo, sostible e con valor engadido para o territorio.

Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, subliña que «este foro é unha mostra do noso compromiso coa cooperación e coa creación de sinerxías entre todos os axentes que contribúen ao progreso da nosa comarca».

O programa arrancará ás 10.00 horas coa benvida institucional. Ás 10.15 horas, terá lugar a intervención titulada «A oportunidade da Galicia industrial, verde e sustentable».

A partir das 10.30 horas, desenvolverase unha mesa de debate centrada no sector forestal, moderada por Antonio Rigueiro, na que participarán Sara Montero López (Maderas Edelmiro) e José Manuel Tubío (Ence), ademais do propio Rigueiro en representación da Universidade e da Asociación Forestal de Galicia. O panel analizará as fortalezas e debilidades do sector e presentará propostas de futuro para un modelo forestal produtivo, sostible e rendible.

Ás 12.00 horas, celebrarase a mesa redonda «O futuro de Viveiro», moderada por Hugo Criado e coa participación de representantes de Corpus Services (Pedro Manuel López Pernas), Electromecánicos Viveiro (José Daniel Costa), Transportes Valín e Embutidos Montepicato (Eduardo Valín), así como da directora do IGAPE.

O foro pecharase ás 13.00 horas coa intervención da alcaldesa Mariña Gueimunde, que porá fin á xornada antes dun aperitivo de clausura.