O Concello de Viveiro avanza cara á aprobación do novo PXOM tras unha reunión coa Dirección Xeral de Calidade Ambiental

  • Confía en pechar nas próximas semanas a fase ambiental, un trámite imprescindible para continuar coa tramitación urbanística.

Viveiro, 14 de outubro de 2025. O Concello de Viveiro continúa a dar pasos firmes para aprobar o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A alcaldesa Mariña Gueimunde mantivo unha reunión con María José Echevarría, directora xeral de Calidade Ambiental, na que tamén participaron o arquitecto municipal, a xurídica de Urbanismo, a secretaria municipal e representantes do equipo redactor OTEA.

O encontro serviu para revisar o estado actual da tramitación ambiental e analizar as correccións pendentes co obxectivo de que o Concello poida obter a memoria ambiental e continuar co proceso de aprobación do documento.

Mariña Gueimunde explicou que «foi unha reunión moi produtiva na que repasamos as cuestións que quedaban por completar e constatamos o gran esforzo que están a facer todas as partes implicadas». Engadiu que «desde o inicio desta lexislatura tivemos claro que o PXOM é unha prioridade estratéxica, e traballamos con paso firme para lograr a súa aprobación provisional e, se os prazos o permiten, tamén a definitiva».

A rexedora subliñou o bo clima de colaboración institucional coa Xunta de Galicia e destacou o labor dos técnicos municipais e do equipo redactor, «que están a facer un traballo intenso e rigoroso para que Viveiro conte cun instrumento urbanístico actualizado e seguro xuridicamente».

O Concello confía en pechar nas próximas semanas a fase ambiental, un trámite imprescindible para continuar coa tramitación urbanística e elevar o documento a pleno. «Estamos a poucos pasos de acadar un dos obxectivos máis importantes deste mandato, que marcará o futuro urbanístico e económico de Viveiro», concluíu Gueimunde.