O Concello de Viveiro solicita á Deputación manter en 2025, polo menos, os mesmos convenios que en 2024

  • A alcaldesa Mariña Gueimunde e o deputado Pablo Rivera analizaron novas vías de colaboración en materia de vivenda e administración electrónica.
  • Concretouse unha xuntanza coa Vicepresidencia para o mes de novembro na que se analizarán temas relacionados coa cultura e o deporte.

Viveiro, 15 de outubro de 2025. Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, mantivo unha xuntanza coa Deputación de Lugo, representada por Pablo Rivera Capón, Deputado de Promoción Económica e Social, para analizar as necesidades prioritarias do Concello e planificar a cooperación institucional para 2025. A rexedora trasladou que o Concello precisa «manter, polo menos, os mesmos convenios asinados en 2024», insistindo en que «os acordos cos concellos e coa veciñanza deben situarse por riba do partidismo político».

No ámbito cultural, Viveiro reiterará a solicitude de apoio para a Semana Santa —que a Deputación confirmou como subvención nominativa— . Avanzou que tamén pedirán que o Belén xigante conte con achega nominativa. A institución provincial, pola súa banda, comprometeuse a manter o apoio tanto á Semana Santa como ao Belén, así como a estudar as peticións que reciban por parte do Concello de Viveiro.

Na reunión abordouse, ademais, a problemática da vivenda en Viveiro e a posibilidade de rehabilitar as antigas casas dos mestres para cedelas a asociacións, seguindo modelos xa en marcha noutros concellos da Mariña. Como referencia, mencionouse o caso de Burela, que vén de poñer en marcha un proxecto para crear 20 espazos nun inmoble de 351,20 metros cadrados cun investimento de 123.237,96 euros financiado pola Deputación de Lugo. «Son actuacións que xeran tecido social, dinamizan barrios e dan resposta a necesidades reais das entidades locais», subliñou Gueimunde.

O Concello de Viveiro pediu tamén reforzar a implantación e o uso coordinado de «Gestiona», plataforma de administración electrónica empregada polos concellos, coa posibilidade de centralizar servizos na Deputación para mellorar a eficiencia e a capacidade de negociación con provedores.

Ademais, o Concello de Viveiro pechou para novembro unha reunión coa Vicepresidencia da Deputación para concretar liñas de traballo en temas relacionados co deporte e cultura, incluíndo cuestións vinculadas ao Conservatorio. «A cooperación leal e estable coa Deputación é fundamental para garantir servizos de calidade e proxectos útiles para a veciñanza de Viveiro», concluíu a alcaldesa.