O Concello de Viveiro recoñecerá a traxectoria de Nito no Foro Económico «Unha mirada ao futuro de Viveiro e A Mariña»

  • A empresa converteuse nun referente da hostalería na provincia de Lugo
  • Os interesados aínda poden inscribirse no foro, que ten un límite de 70 prazas

Viveiro, 16 de outubro de 2025. O Concello de Viveiro, no marco do terceiro Foro Económico «Unha mirada ao futuro de Viveiro e A Mariña», recoñecerá a traxectoria empresarial do Grupo Nito na iniciativa que se celebrará o 25 de outubro no Hotel Thalasso Cantábrico Las Sirenas.

O recoñecemento prodúcese logo de que, durante máis de medio século, o Grupo Nito se consolidara como un símbolo da calidade e da excelencia hostaleira de Viveiro. O proxecto comezou cun pequeno negocio familiar en Area e foi medrando ata converterse nun referente da cociña galega e do turismo da Mariña Lucense, con fitos como o restaurante Nito, o Hotel Ego e o Hotel U Viveiro.

Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, destacou que «toda unha vida dedicada a ofrecer o mellor de Viveiro e de Galicia ao visitante merece un recoñecemento público. O Grupo Nito representa os valores do traballo, a calidade e o compromiso co noso territorio».

O Concello de Viveiro considera que este recoñecemento é unha mostra de gratitude polo que o matrimonio ten achegado á promoción turística, económica e social do municipio e da provincia de Lugo.

Inscricións para o Foro Económico

O Foro Económico, organizado pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Viveiro, reunirá a representantes institucionais, empresariais e sociais para analizar os retos de futuro de Viveiro e A Mariña.

As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través da web https://conectalugo.cel.es/gl/event/foro-economico-unha-mirada-ao-futuro-de-viveiro-e-a-marina-21/register (tamén dispoñible no código QR do cartel). En principio, o número de prazas está limitado a 70 participantes.