Viveiro, 27 de outubro de 2025. O Concello de Viveiro vén de recibir a Memoria Ambiental do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un novo paso no proceso de tramitación urbanística. «É un avance significativo de cara ao Plan Xeral, unha aposta que fixo este goberno desde que chegou á Alcaldía», sinalou a alcaldesa Mariña Gueimunde, quen destacou que «seguimos progresando e este é un paso máis nesa dirección».
Neste momento, o documento atópase en mans do equipo redactor OTEA, que deberá incorporar as puntualizacións formuladas polo órgano ambiental da Consellería de Medio Ambiente. Unha vez introducidas esas correccións, emitiranse os informes técnicos preceptivos da Intervención, Secretaría, Arquitecto Municipal e Asesoría Xurídica de Urbanismo. «Se todos son favorables, o seguinte paso será levar o PXOM a Pleno para acadar esa tan ansiada aprobación provisional», explicou a rexedora.
Mariña Gueimunde avanzou que o equipo redactor prevé ter as correccións finalizadas a finais deste ano, co obxectivo de que o documento poida elevarse ao Pleno municipal no primeiro trimestre de 2026. «Unha vez que os técnicos estuden e valoren o que acabamos de recibir, convocaremos unha Xunta de Voceiros para dar conta exacta e resolver as posibles dúbidas dos grupos municipais», engadiu a alcaldesa.
Declaracións da Alcaldesa sobre o PXOM: