O Concello de Viveiro continuará co proxecto formativo «Como se fai unha película» para maiores de 55 anos

As datas e os horarios definiranse en función da dispoñibilidade das persoas que se inscriban. Éxito de participación na xornada inaugural, na que se explicou como iniciarse na creación cinematográfica con móbiles.

Viveiro, 29 de outubro de 2025. O Concello de Viveiro continúa co proxecto formativo «Como se fai unha película?», impulsado coa colaboración da Xunta de Galicia e destinado a persoas maiores de 55 anos interesadas en descubrir o mundo do cinema e desenvolver a súa creatividade. Tras a charla inicial celebrada o luns na Sala Multiusos da casa consistorial, na que se explicou como iniciarse na creación cinematográfica con teléfonos móbiles e se propuxeron ideas para futuras curtametraxes, o Concello anima á veciñanza a inscribirse no Obradoiro de Ficción Audiovisual, que dará continuidade a esta primeira experiencia.

O obradoiro, con datas aínda por definirse, permitirá ás persoas participantes desenvolver habilidades dixitais, comunicativas e artísticas a través da creación colectiva dunha curtametraxe de ficción. Tamén poderán asumir varios roles —guionistas, intérpretes, realizadoras ou técnicas— e traballar con recursos accesibles e próximos. O proxecto culminará cunha gala de estrea pública dos traballos realizados.

As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao teléfono 982 560 162 ou escribindo ao correo electrónico cultura@viveiro.gal. As datas e horarios da actividade determinaranse en función da dispoñibilidade das persoas inscritas, con previsión de celebrarse os martes, xoves ou venres pola tarde.

O obxectivo desta iniciativa é ofrecer unha experiencia creativa, participativa e transformadora, que amose que nunca é tarde para descubrir o lado máis artístico e expresivo das persoas maiores.