Remata a primeira fase da mellora das instalacións de fontanaría do campo de fútbol Marcos Gómez

A actuación, incluída no convenio do Concello de Viveiro coa Deputación de Lugo, contou cun investimento de arredor de 15.000 euros e permitirá mellorar a eficiencia e seguridade das instalacións deportivas.

Viveiro, 4 de novembro de 2025. As obras correspondentes á primeira fase da mellora da instalación de fontanaría dos vestiarios do campo de fútbol Marcos Gómez foron entregadas hoxe. Trátase dunha actuación incluída no convenio de cooperación do Concello de Viveiro coa Deputación de Lugo para o financiamento de investimentos en materia de deporte, turismo e servizos públicos.

A intervención supuxo un investimento de arredor de 15.000 euros, destinados á substitución das tubaxes e mellora do sistema de subministración de auga quente nos vestiarios, lavabos e servizos do complexo deportivo. A actuación permitirá mellorar a eficiencia enerxética e garantir a seguridade e funcionalidade das instalacións, moi deterioradas polo paso do tempo e pola corrosión derivada do ambiente marítimo.

A alcaldesa Mariña Gueimunde explicou que «esta é unha obra necesaria e moi esperada polos clubs e usuarios do campo, que levaban tempo reclamando unha solución definitiva». A rexedora destacou tamén o apoio da Deputación de Lugo, «á que agradecemos a súa colaboración coa mellora das nosas instalacións deportivas».

Gueimunde sinalou que o Concello está á espera dunha reunión coa Vicepresidencia da Deputación para seguir avanzando na segunda fase do proxecto e completar a renovación integral das instalacións.

O campo de fútbol Marcos Gómez, coñecido tamén como Campo do Cembedo, é unha infraestrutura municipal de referencia na cidade, utilizada por clubs e asociacións deportivas de fútbol e piragüismo. A mellora da súa rede de fontanaría forma parte do compromiso do Concello de Viveiro coa posta a punto e modernización das instalacións deportivas municipais.