Viveiro, 5 de novembro de 2025. O Concello de Viveiro conmemorou hoxe o Día do Coidador cunha visita institucional á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Viveiro (AFA-Viveiro). Durante o encontro, a alcaldesa Mariña Gueimunde recoñeceu o traballo diario da entidade e de todas as persoas coidadoras, tanto no ámbito familiar como profesional. Ademais, a rexedora asinou co presidente da asociación o convenio de colaboración correspondente á subvención nominativa que o Concello concede a AFA-Viveiro para apoiar o seu funcionamento e as súas actividades asistenciais.
Mariña Gueimunde sinalou que «hoxe é un día para agradecer o esforzo, a dedicación e o cariño de todas as persoas que coidan doutros». A alcaldesa destacou tamén que «en Viveiro, temos a sorte de contar cunha asociación exemplar como AFA, que leva anos prestando un servizo fundamental ás persoas afectadas por Alzheimer e ás súas familias».
A rexedora engadiu que o goberno local continuará apoiando o traballo de AFA-Viveiro e de todas as entidades sociais do municipio. «O noso compromiso é seguir colaborando con quen mellora a calidade de vida da nosa veciñanza e fai de Viveiro unha cidade máis humana e solidaria», concluíu.
