O Concello de Viveiro avanza no proxecto de rehabilitación da Praza de Abastos

O proxecto «Formación Praceiros/as 2025» desenvolveuse onte e nel deuse a coñecer o plan de reforma do espazo.

Viveiro, 11 de novembro de 2025. O Concello de Viveiro segue avanzando cara á rehabilitación integral da Praza de Abastos dentro do proxecto de dinamización do Mercado de Viveiro, que se desenvolve co apoio da Xunta de Galicia —a través da Consellería de Emprego, Comercio e Inmigración— mediante as subvencións para o impulso dunha rede de Mercados Excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos.

A alcaldesa, Mariña Gueimunde, explicou que «xa cando estabamos na oposición tiñamos claro que a Praza de Abastos é un enclave fundamental non só para o comercio de proximidade e o produto típico, senón tamén para o turismo».

Onte levouse a cabo na Casa do Concello a «Formación Praceiros/as 2025», no que se deu a coñecer o proxecto de reforma e se abordaron temas como as novas tendencias de consumo, a mellora dos servizos aos clientes e o asesoramento individual ao sector. Neste contexto, o Concello salientou que se atopa na segunda fase do proceso, centrada na redacción do proxecto, despois de realizar un diagnóstico da situación actual.

Mariña Gueimunde subliñou que «estamos elaborando o proxecto sempre en comunión cos praceiros e praceiras, que son quen mellor coñecen o día a día e as necesidades do espazo». Engadiu que se trata dun proxecto «consensuado e necesario, que vai potenciar o noso patrimonio e mellorar a actividade económica da Praza».

Dentro desta primeira anualidade do programa, xa se redactou o proxecto de rehabilitación e desenvolveuse formación específica para os praceiros e praceiras, un paso considerado fundamental na dinamización do mercado. Ademais, o goberno municipal traballa xa na solicitude da subvención que permita executar as obras e incluílas nos próximos orzamentos municipais.