A Asociación Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro gaña o Premio Comercio Galego 2025

Foi distinguida na categoría de Comercio Dinamización.

Viveiro, 13 de novembro de 2025. A Asociación Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro acadou un dos principais recoñecementos do sector. Foi distinguida onte co Premio Comercio Galego 2025 na categoría de Comercio Dinamización. Este galardón pon en valor as iniciativas máis relevantes de impulso económico, promoción e revitalización do comercio de proximidade en Galicia.

Isabel Méndez, xerente da asociación, amosou a súa emoción tras recibir o premio: «É un orgullo enorme, non o esperábamos. Este recoñecemento simboliza todos estes anos de loita e de traballo por sacar adiante o comercio de Viveiro como o corazón da Mariña».

O acto de entrega estivo presidido por José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración; Belén do Campo, delegada territorial da Xunta na Coruña; e Gabriel Alén, director xeral de Comercio e Consumo. Nel presentouse a nova imaxe do Comercio Galego, un selo que busca reforzar a identidade e excelencia do comercio de proximidade no marco dunha nova campaña autonómica.

Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, destacou que «este premio é un orgullo para todo Viveiro e unha mostra do talento, a constancia e o compromiso do noso comercio local».