O Concello de Viveiro reforza o compromiso cos maiores co programa Viveiro Baila

A primeira sesión celebrarase o sábado 15 de novembro ás sete da tarde no salón de actos do Conservatorio.

Viveiro, 13 de novembro de 2025. O Concello de Viveiro continúa a reforzar o seu compromiso co benestar e a participación activa das persoas maiores do municipio mediante a posta en marcha de novas actividades sociais e culturais. Nesta liña, o goberno local anuncia o inicio do programa «Viveiro Baila — Bailes de tarde para os nosos maiores», que ofrecerá encontros mensuais de convivencia, música e lecer.

A primeira sesión terá lugar o sábado 15 de novembro, ás 19.00 horas, no salón de actos do Conservatorio de Viveiro. Estará a cargo de Mar Dávila. As persoas asistentes poderán gozar ademais dunha degustación gratuíta de castañas.

A seguinte cita será o domingo 14 de decembro, tamén ás 19.00 horas, cun baile impartido por Verónica Cambón. A xornada incluirá chocolate e biscoitos para o público participante.

Xunto a esta iniciativa, o Concello impulsa tamén un obradoiro audiovisual gratuíto para persoas maiores de 55 anos, impartido polo cineasta Manolo Gómez. A actividade ofrece unha aproximación práctica ao proceso de creación cinematográfica e promove un espazo de aprendizaxe, creatividade e relación social.

Estas propostas súmanse ás accións que o Concello vén desenvolvendo ao longo do ano orientadas ao envellecemento activo, o acompañamento e a dinamización cultural das persoas maiores.

A alcaldesa Mariña Gueimunde subliñou que «as persoas maiores ocupan un lugar fundamental nas políticas municipais. Queremos que se sintan acompañadas, valoradas e protagonistas da vida da nosa cidade. Actividades como estas reforzan a súa participación e fortalecen o tecido social de Viveiro».