A entrega do VII Premio de Novela Vilar Ponte realizarase o venres 28 de novembro

Nun acto aberto ao público, terá lugar ás 20.30 horas na Sala Multiusos do Concello.

Viveiro, 17 de novembro de 2025. O Concello de Viveiro acollerá o venres 28 de novembro ás 20.30 horas o acto de entrega do VII Premio de Novela Vilar Ponte. A cerimonia, aberta ao público, terá lugar na Sala Multiusos do consistorio. O galardón, impulsado para poñer en valor a creación literaria en lingua galega e a figura dos irmáns Vilar Ponte, reúne cada ano a autores e autoras de referencia no panorama narrativo actual.

Nesta edición, a novela gañadora é «A dous pasos do Edén», de Pura Salceda Carballeda, mentres que Ignacio Vidal Portabales foi seleccionado como finalista polo xurado.

A entrega estará amenizada cunha actuación musical a cargo do grupo de corda do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro (CMUS). O Concello convida á cidadanía a asistir a esta celebración cultural, aberta ao público, e a acompañar as persoas premiadas nunha nova edición dun certame que consolida a Viveiro como referencia na promoción da literatura galega.