Viveiro, 18 de novembro de 2025. Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, mantivo unha reunión institucional con Efrén Castro, vicepresidente da Deputación de Lugo, para valorar posibles vías de colaboración entre ambas administracións en materias deportiva e cultural. O encontro serviu como primeira toma de contacto para abrir liñas de diálogo e avanzar na procura de co financiación para proxectos estratéxicos.
Gueimunde destacou o clima cordial da xuntanza e subliñou a vontade de cooperación expresada pola Vicepresidencia. «Foi un primeiro encontro no que trasladamos as necesidades máis urxentes de Viveiro. Detectamos boa disposición para estudar as propostas e analizar a súa viabilidade mediante convenios ou liñas de apoio», explicou a rexedora.
No ámbito deportivo, Mariña Gueimunde expuxo as melloras pendentes nas instalacións municipais. No campo de fútbol de Cantarrana Kiko Rey, tras a renovación do céspede acometida polo Concello, quedan por resolver cuestións como a cuberta das gradas —aínda con uralita—, así como a renovación dos aseos e instalacións de fontanería.
Tamén se tratou o estado que presenta o campo municipal Marcos Gómez, cun céspede artificial moi deteriorado e xa fóra da súa vida útil. Este desgaste afecta ao actividade diaria das escolas deportivas e pode supoñer riscos en materia de seguridade. «Solicitamos á Deputación que valore implicarse na renovación deste campo, unha actuación necesaria para garantir a seguridade e a práctica deportiva en condicións óptimas», indicou Gueimunde.
No ámbito cultural, o Concello reclamou un maior apoio ao Conservatorio de Viveiro, dada a súa intensa actividade e contribución á vida cultural do municipio. «Falamos dunha estrutura que dinamiza Viveiro enteiro e que colabora en moitos actos e iniciativas locais. Consideramos que merece unha achega máis acorde ao seu papel», afirmou a alcaldesa. Esta axuda é na actualidade de 15.000 euros ao ano.
Tamén se abordou a situación do teatro Pastor Díaz e a posibilidade de abrir vías de colaboración para acometer melloras, así como a situación do proxecto da Praza de Abastos, cun compromiso previo que o Concello aspira a reactivar.
Gueimunde valorou positivamente este primeiro paso e avanzou que o Concello elaborará nas próximas semanas as memorias e valoracións económicas necesarias para continuar o diálogo. «O obxectivo é dispoñer de documentación técnica sólida para avanzar en novos encontros e explorar acordos que permitan impulsar proxectos importantes para Viveiro», concluíu.