A Xunta concede ao Concello de Viveiro financiamento para programas de inclusión social

As actuacións estarán vixentes nos anos 2025 e 2026.

Viveiro, 26 de novembro de 2025. O Concello de Viveiro recibiu a resolución oficial da Xunta de Galicia pola que se concede financiamento para o desenvolvemento de programas municipais de inclusión social durante os anos 2025 e 2026. A resolución confirma que Viveiro contará con apoio económico para actuacións dirixidas á atención socio comunitaria e persoas migrantes á intervención social con colectivos vulnerables e á intervención con poboación en risco de exclusión. Estes programas inclúen acompañamento social, apoio educativo, integración comunitaria e actuacións específicas orientadas a favorecer a inclusión e a igualdade de oportunidades.

A orde establece que os programas están cofinanciados polo Fondo Social Europeo Plus e pola Xunta de Galicia, dentro das liñas estratéxicas orientadas ao fortalecemento das políticas públicas de inclusión. Así mesmo, recóllense as obrigas que deberá cumprir o Concello en materia de xestión, seguimento e xustificación durante o período de execución.

A alcaldesa Mariña Gueimunde valorou positivamente a concesión da axuda: «Con este financiamento podemos consolidar o traballo municipal no ámbito social e asegurar recursos para acompañar a persoas e familias que o precisan. Para Viveiro é fundamental manter programas sólidos e continuados, e esta resolución permítenos seguir dando pasos nesa dirección».

O Concello de Viveiro iniciará agora a planificación operativa das actuacións incluídas na resolución, conforme ás condicións establecidas pola Xunta de Galicia.