Viveiro, 2 de decembro de 2025. O Concello de Viveiro asinou un acordo de colaboración co IES Vilar Ponte e o IES María Sarmiento para utilizar e xestionar o pavillón Antonio Tarrío, o pavillón Vilar Ponte e o espazo verde situado na parte traseira destas instalacións educativas.
Estes espazos son propiedade dos centros educativos, mais, grazas ao acordo, poderán ser empregados polo Concello fóra do horario lectivo e docente. Isto permitirá ampliar a dispoñibilidade de instalacións municipais para os colectivos deportivos e culturais da vila, e garantirá unha oferta máis ampla de espazos para adestramentos, actividades e eventos.
O acordo terá unha vixencia de dous anos, con posibilidade de prórroga cando remate o período inicial. Nel establécese que os usos autorizados deberán ter fins educativos, deportivos ou culturais, e que se garantirá unha xestión coordinada e respectuosa co funcionamento ordinario dos centros.
A alcaldesa Mariña Gueimunde subliñou que este convenio «permite optimizar recursos, incrementar a oferta de espazos para os clubs e asociacións e reforzar a colaboración entre o Concello e a comunidade educativa. É unha solución eficiente e útil para dar resposta á demanda crecente de instalacións deportivas».