Viveiro, 2 de decembro de 2025. A mostra fotográfica «Tan coma ti» estrearase mañá ás 12.30 horas na Sala de Exposicións da Biblioteca Municipal de Viveiro. A iniciativa, organizada polo Concello de Viveiro e Down Lugo, ofrece unha mirada próxima e humana á realidade actual das persoas con síndrome de Down.
A través dunha serie de imaxes tomadas en contextos da vida cotiá, a mostra reivindica a diversidade, a inclusión e a capacidade individual de cada persoa. O obxectivo é romper estereotipos e convidar á reflexión sobre a igualdade de oportunidades. O proxecto pretende sensibilizar á sociedade e poñer en valor a identidade e o papel das persoas con síndrome de Down na comunidade.
A mostra permanecerá aberta ao público até o 15 de decembro.