A proba de ciclocrós Concello de Viveiro celebrarase o 20 de decembro

Forma parte da Copa de Galicia e comezará ás once da mañá.

Viveiro, 3 de decembro de 2025. Viveiro será escenario, o sábado 20 de decembro, do ciclocrós Concello de Viveiro, que é puntuable para a Copa Galicia 2025-2026. As competicións celebraranse en horario de mañá para categorías de cadetes, júniors, sub-23, élite e máster.

A presentación da proba celebrouse hoxe e contou coa presenza de Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro; Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo; e Alberto Ballester, responsable da área de ciclocrós.

A proba comezará o sábado 20 de decembro ás 11.00 horas. Os participantes poderán recoller os dorsais desde as 9.30 horas. O prazo de inscrición permanece aberto ata o 18 de decembro e o límite de participantes é de 250. Os interesados poden obter máis información no sitio web da Federación Galega de Ciclismo.

A alcaldesa Mariña Gueimunde subliñou a importancia desta cita: «Traer a Viveiro unha proba da Copa Galicia de ciclocrós é un orgullo e unha oportunidade para fomentar o deporte entre os nosos mozos e mozas. Queremos promover hábitos saudables, dar visibilidade ao potencial da nosa comarca e contribuír a dinamizar A Mariña a través dunha modalidade que une natureza, esforzo e vida saudable».