Viveiro, 18 de decembro de 2025. O Concello de Viveiro remitiu á Vicepresidencia da Deputación de Lugo a memoria técnica «Obras de conservación e mantemento no Teatro Pastor Díaz de Viveiro – Lugo», coa solicitude de colaboración económica para a súa execución. A documentación foi enviada tras os contactos mantidos entre ambas administracións hai unhas semanas e recolle un conxunto de actuacións necesarias para garantir a correcta conservación e o mantemento dun equipamento cultural de referencia para o municipio.
Desde o Concello sublíñase a urxente necesidade de acometer as intervencións co obxectivo de asegurar o bo estado das instalacións e o adecuado desenvolvemento da actividade cultural que se programa nelas ao longo do ano. O Teatro Pastor Díaz é un espazo de uso habitual para a veciñanza de Viveiro e para entidades culturais locais.
O Concello de Viveiro queda á espera da resposta da Deputación de Lugo para poder avanzar na execución destas actuacións, consideradas prioritarias.