O Concello de Viveiro modifica o percorrido da Cabalgata de Reis por seguridade e visibilidade

A iniciativa enmárcase nunha estratexia máis ampla de descentralización cultural que inclúe concertos e actividades nas parroquias.

Viveiro, 20 de decembro de 2025. O Concello de Viveiro modificará este ano o percorrido da Cabalgata de Reis co obxectivo de mellorar o seu desenvolvemento, facilitar o desfrute das familias e reforzar as condicións de seguridade, especialmente no que atinxe á participación dos nenos e nenas.

En anos anteriores, a cabalgata realizaba un percorrido moi amplo, con saída desde Celeiro, paso por Covas e chegada á Praza Maior. Este trazado prolongábase durante varias horas, o que provocaba que a recepción final dos Reis Magos se retrasase de xeito notable e que moitos nenos e nenas tivesen que agardar en condicións pouco axeitadas, especialmente en días de frío ou mal tempo, frecuentes nesta época do ano.

Ademais, tratábase dun itinerario moi extenso e disperso, con tramos nos que apenas se concentraba público. Isto dificultaba tanto a visualización do desfile como a organización e a seguridade das persoas participantes, en particular dos menores que acompañaban á comitiva.

Por este motivo, o Concello optou este ano por un percorrido máis curto e concentrado, que partirá da explanada da Variante e discorrerá polas rúas do centro urbano ata a Praza Maior. Seguirá un itinerario similar ao doutros desfiles festivos. O novo trazado permitirá unha maior concentración do público, unha mellor visibilidade da Cabalgata e que os Reis Magos cheguen antes ao punto final. Deste xeito, disporán de máis tempo para recibir a todos os nenos e nenas.

A decisión tamén responde a criterios de seguridade. Reducirase o tempo de exposición ao frío e ás posibles inclemencias meteorolóxicas, tanto para os participantes como para o público asistente, e facilitarase a organización do dispositivo de protección.

Esta modificación non supón unha renuncia á presenza da programación de Nadal nas parroquias. Pola contra, enmárcase nunha estratexia máis ampla de descentralización cultural que inclúe concertos e actividades nas parroquias e, como novidade este ano, visitas dos Reis Magos a varios espazos socioculturais do rural, en horario de mañá, para que os nenos e nenas poidan achegarse a eles e entregar as súas cartas.

Deste xeito, o Concello de Viveiro aposta por combinar unha cabalgata máis segura e accesible no núcleo urbano, cun achegamento directo das actividades e dos propios Reis Magos ás parroquias. Tamén se reforzará o carácter inclusivo e próximo da programación de Nadal.