Viveiro prepara unha Cabalgata de Reis máis aberta á participación da veciñanza

O desfile do 5 de xaneiro permitirá a incorporación de nenos e nenas nas carrozas e de colectivos que desfilen a pé.

Viveiro, 23 de decembro de 2025. O Concello de Viveiro prepara a Cabalgata de Reis do vindeiro 5 de xaneiro cun formato máis aberto e participativo. Ademais das tradicionais carrozas dos Reis Magos, facilitarase a incorporación da veciñanza tanto como figurantes nas carrozas como no desfile a pé ao longo do percorrido.

No caso da participación nas carrozas, o Concello habilita 24 prazas para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos que poderán acompañar aos Reis Magos durante o desfile. As prazas asignaranse por orde de inscrición, co obxectivo de garantir un procedemento organizado e seguro.

O prazo para presentar solicitudes abrirá os días 26, 29 e 30 de decembro, en horario de 9.00 a 14.00 horas. As inscricións poderán realizarse no Teatro Pastor Díaz ou a través do correo electrónico cultura@viveiro.gal mediante o formulario correspondente. Unha vez cubertas as prazas dispoñibles, crearase unha listaxe de agarda para cubrir posibles baixas.

As persoas admitidas recibirán a información necesaria sobre o lugar e a hora de presentación o día da cabalgata, así como sobre o procedemento de recollida ao rematar o desfile. O Concello facilitará o vestiario exterior en réxime de préstamo, mentres que os participantes deberán acudir con roupa básica negra segundo as indicacións da organización.

Ademais, o Concello de Viveiro anima este ano á participación de grupos, asociacións, ANPAS e persoas a título individual, tanto adultas como menores, que desexen desfilar a pé, preferiblemente con disfraces ou vestimentas relacionadas co Nadal para contribuír a crear unha cabalgata máis viva, próxima e representativa da veciñanza.

As persoas ou colectivos interesados nesta modalidade de participación deberán poñerse en contacto co Concello a través do teléfono 982 560 162 antes do 30 de decembro.