Viveiro, 3 de xaneiro de 2025. Ademais de participar na tradicional Cabalgata que se celebrará o luns pola tarde, os Reis Magos realizarán este ano visitas a residencias de maiores e parroquias durante a mañá do 5 de xaneiro. O obxectivo é achegar a celebración a toda a veciñanza e a todos os recunchos do municipio.
Ao longo da mañá, os Reis Magos desprazaranse a varios puntos do concello para visitar aos nenos e nenas das parroquias e aos maiores. A primeira visita terá lugar en San Pedro, ás 10.30 horas, no centro social. Alí manterán un encontro con veciños de parroquias próximas como Valcarría e Chavín.
Ás 11.30 horas, os Reis Magos visitarán o centro social de Magazos. Ás 12.30 horas, achegaranse á Escola Vella de Galdo, onde falarán cos nenos e nenas das parroquias de Vieiro e Galdo. Posteriormente, ás 13.30 horas, estarán na Casa do Forno de Celeiro. Antes, tamén poderían desprazarse, arredor das 13.00 horas, ao centro social de Covas.
A Cabalgata de Reis celebrarase pola tarde. A saída terá lugar ás 17.30 horas na explanada da Variante e rematará na Praza Maior, onde terá lugar o tradicional saúdo e discurso das maxestades.
O Concello de Viveiro quere agradecer a colaboración das asociacións que se implicaron na organización da Cabalgata deste ano e que contribuíron a facer posible unha celebración máis participativa e aberta á cidadanía.