Viveiro, 13 de xaneiro de 2025. O Concello de Viveiro impulsa o programa «Viveiro Baila», unha proposta de lecer dirixida ás persoas maiores que ten como obxectivo fomentar a convivencia, o benestar e a participación social a través da música e do baile.
Os bailes de tarde desenvolveranse no salón de actos do Conservatorio de Viveiro, sempre a partir das 19.00 horas, e contarán con actuacións musicais en directo. A programación prevista é a seguinte: o sábado 17 de xaneiro actuará o Dúo Dilema; o sábado 7 de febreiro, o Dúo Caramelo; e o sábado 7 de marzo, o Dúo Venus.
Con esta iniciativa, o Concello de Viveiro aposta por ofrecer espazos de encontro e actividades adaptadas ás persoas maiores, promovendo un envellecemento activo e unha vida social dinámica.