Viveiro, 16 de xaneiro de 2025. Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, recibiu esta mañá a un grupo de oito alumnos que cursan a especialidade de promoción turística e atención ao visitante no Centro de Formación Profesional Ocupacional da Xunta de Galicia en Viveiro, así como a unha das súas profesoras. O encontro enmárcase no proceso formativo do alumnado e serviu para trasladar varias propostas orientadas a mellorar a experiencia turística no Concello.
Os alumnos realizarán o período de prácticas entre o 30 de abril e o 18 de xuño. Desde o Concello trasladouse a vontade de colaborar para intentar acoller o máximo número posible de estudantes durante ese período e facilitar unha primeira toma de contacto co funcionamento municipal e coas liñas de traballo que se marcan en materia turística.
Durante a visita, o grupo compartiu unha análise baseada na súa experiencia como veciñanza do municipio e na formación recibida. Identificaron fortalezas e tamén aspectos mellorables na oferta turística de Viveiro. Entre as propostas expostas figuran melloras na información dispoñible na web municipal, a actualización de horarios e contidos vinculados á visita a monumentos e recursos patrimoniais, así como a revisión de cuestións relacionadas coa mobilidade e o transporte público para facilitar o acceso a algunhas localizacións.
Os alumnos tamén suxeriron reforzar a sinalización nalgunhas rutas e puntos de interese, mellorar a interpretación e visibilidade de áreas etnográficas, estudar a habilitación dun espazo de estacionamento para caravanas e revisar a presentación e difusión de eventos e actividades, co obxectivo de adaptarse mellor ás novas ferramentas dixitais e incrementar a promoción do destino.
Mariña Gueimunde salientou que o Concello de Viveiro valora estes encontros de xeito «moi positivo». «Serven para establecer unha conexión directa entre a formación e a realidade do Concello, así como para incorporar novas visións e achegas técnicas que poden contribuír a mellorar a planificación e a programación turística municipal», sinalou.