O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou a Praza de Abastos e o comercio tradicional Casa Chao

Mariña Gueimunde trasladoulle a José González a importancia estratéxica do mercado municipal e do pequeno comercio para a economía local.

Viveiro, 17 de xaneiro de 2025. José González Vázquez, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, realizou hoxe unha visita institucional a Viveiro na que coñeceu de primeira man a Praza de Abastos e Casa Chao, establecemento tradicional de alimentación, ultramarinos e vinoteca. Estivo acompañado por Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro.

A visita incluíu un percorrido pola Praza de Abastos, un espazo emblemático do comercio de proximidade no municipio, cunha traxectoria histórica que se remonta á súa construción en 1925 e cunha estrutura de postos orientada á venda de produto fresco. Nos últimos meses, o Concello avanzou no proxecto de rehabilitación do edificio, un traballo que se presentou no marco do programa «Formación Praceiros/as 2025» e que busca modernizar e mellorar as condicións de uso da Praza, en diálogo co sector.

A continuación, a comitiva visitou Casa Chao, un negocio histórico de Viveiro vencellado á tradición comercial da vila desde a primeira metade do século XX, cunha traxectoria recoñecida no ámbito da alimentación e do viño.

Mariña Gueimunde destacou que «a Praza de Abastos e o comercio tradicional son dous piares fundamentais para manter viva a actividade económica do casco urbano e para reforzar unha oferta de calidade vinculada ao produto e ao trato directo». A alcaldesa engadiu que «a rehabilitación da Praza é unha actuación necesaria para mellorar o día a día de praceiros e praceiras e para consolidar un espazo que forma parte da identidade de Viveiro».