Viveiro reforza a súa proxección en FITUR 2026 con foco no turismo sostible, deportivo e náutico

Manteranse reunións con empresas e operadores e segueranse as presentacións da Xunta, da Deputación de Lugo e da Mancomunidade da Mariña para impulsar a visibilidade do destino.

Viveiro, 22 de xaneiro de 2025. O Concello de Viveiro participa desde onte en FITUR 2026, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en IFEMA Madrid ata o 25 de xaneiro. A axenda estará centrada na captación de oportunidades e na mellora da proxección exterior do municipio como destino turístico de calidade.

Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, explicou que a presenza do Concello na feira responde a un obxectivo claro: «Coñecer as novidades do sector, poñer en valor os recursos propios e abrir vías de contacto con empresas, operadores e potenciais investidores que poidan contribuír a consolidar Viveiro como un destino sostible e competitivo». A rexedora sinalou tamén a importancia de «contrastar como se está proxectando Viveiro fóra e, se é necesario, reclamar unha maior visibilidade acorde co seu potencial e coa súa relevancia na comarca e na provincia».

No marco da feira, Viveiro segue tamén as accións promovidas polas institucións ás que pertence e coas que colabora en materia turística. FITUR inclúe unha programación ampla no stand de Galicia e actos específicos da provincia de Lugo e da Mancomunidade de Concellos da Mariña, con presenza e espazo informativo propio no recinto feiral.

Entre as liñas de traballo destacadas polo Concello de Viveiro figura o reforzo dos produtos turísticos vinculados á identidade local e á desestacionalización, así como a procura de novos operadores. Neste sentido, Viveiro pon en valor a Semana Santa, recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional, e a súa participación en iniciativas de cooperación como a Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua.

A presenza en FITUR serve tamén para afondar en ámbitos con capacidade de crecemento, como o turismo deportivo e o turismo náutico. Viveiro conta cun porto deportivo con 235 amarres e condicións orientadas á actividade de lecer na ría, e co porto de Celeiro como activo estratéxico, tanto polo seu peso pesqueiro como polo valor turístico asociado ao produto e á gastronomía.

Mariña Gueimunde subliñou que «o traballo en FITUR ten sentido cando se traduce en relacións estables e en resultados para o noso concello. É dicir, máis visibilidade, máis colaboración e máis oportunidades para o tecido local, desde a hostalaría e o comercio ata a oferta cultural e deportiva».