Viveiro, 4 de febreiro de 2025. O Concello de Viveiro vén de poñer en marcha a súa canle oficial de WhatsApp, unha ferramenta de comunicación directa coa veciñanza que permitirá o acceso de maneira sinxela, cómoda e privada ás principais novidades do municipio.
A través da canle, as persoas subscritas poderán recibir información actualizada sobre avisos urxentes e incidencias, como cortes de tráfico, así como a programación de festas e eventos culturais, e contidos de interese sobre axudas, emprego e formación.
O obxectivo da iniciativa é facilitar que a cidadanía estea informada en tempo real e mellorar a difusión dos servizos e actividades municipais. Por iso empregarase un formato accesible e de uso cotián.
As persoas interesadas poden unirse á canle oficial do Concello de Viveiro, a través da ligazón: https://whatsapp.com/channel/0029VbBurFW0gcfM4Vn61O0t. No caso de Instagram, a ligazón tamén está dispoñible na biografía do perfil municipal.
O Concello lembra que, unha vez dentro da canle, é recomendable activar as notificacións premendo na icona da campá para recibir os avisos no momento en que se publiquen.