O Pleno de Viveiro rexeita a moción do PSOE sobre a continuidade da actividade cinematográfica no municipio

O equipo de Goberno lembra que xa se están a impulsar iniciativas culturais vencelladas ao cine.
  • A proposta do grupo socialista pretendía atribuír ao Concello unha intervención sobre unha actividade privada.

Viveiro, 5 de febreiro de 2025. O Pleno da Corporación municipal de Viveiro debateu na sesión celebrada onte unha moción presentada polo Grupo Municipal do PSOE para garantir a continuidade da actividade cinematográfica no municipio mediante acordos culturais puntuais. A proposta non saíu adiante ao non contar co apoio maioritario do Pleno.

Desde o Goberno municipal explicouse que o voto en contra non responde a unha oposición á cultura nin ao cinema, senón á propia formulación da moción. Segundo se expuxo no debate, a proposta instaba o Concello a asumir un papel de intervención directa sobre unha actividade de carácter privado, unha cuestión que se considera improcedente no marco das competencias municipais.

O Goberno local sinalou, ademais, que a moción incorporaba contradicións no seu propio contido, ao recoñecer que se trata dunha actividade privada e que as administracións públicas non poden nin deben asumir investimentos nese ámbito, ao tempo que solicitaba que o Concello mediase e actuase para favorecer a continuidade do servizo.

Desde o Concello indicouse tamén que o peche da empresa xa se produciu, polo que a moción se formulaba en termos que non se corresponden coa situación actual. Neste contexto, o Goberno municipal afirmou que as xestións que se están a realizar céntranse en facilitar que a actividade cinematográfica poida recuperarse no futuro, favorecendo que novas empresas ou operadores poidan interesarse por investir no municipio.

O equipo de Goberno quixo subliñar, así mesmo, a súa aposta polo cinema a través de programación cultural e social xa en marcha. Como exemplo, destacou a realización dun obradoiro de cine incluído no programa dirixido ás persoas maiores, impartido por Manolo Gómez, profesional recoñecido con dous premios Goya.

O Concello de Viveiro reafirma o seu compromiso coa cultura e coa dinamización do municipio, a través da promoción de iniciativas que contribúan a ampliar a oferta cultural e a participación da veciñanza.