O Concello de Viveiro activa medidas por alerta laranxa de vento

Prohíbense actividades ao aire libre en instalacións municipais e o Concello pechará parques, xardíns e zonas verdes mentres se manteña o aviso na Mariña.

Viveiro, 11 de febreiro de 2025. O Concello de Viveiro emitiu un bando polo que, ante a alerta laranxa por vento na Mariña, queda prohibida a realización de calquera actividade ou evento ao aire libre en instalacións municipais.

A medida inclúe tamén a restrición de acceso a parques infantís, ao Parque Pernas Peón e, en xeral, a xardíns e zonas verdes municipais, mentres se manteñan as alertas que afecten ao municipio.

O Concello recomenda, ademais, extremar a precaución e manterse afastado da liña de costa, incluídos diques, rompentes e paseos marítimos, e lembra a necesidade de adoptar medidas de seguridade no mar. Tamén se aconsella revisar cabos e amarres das embarcacións.

Estas indicacións enmárcanse nas recomendacións preventivas comunicadas pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e na decisión da Comisión Escolar de Alertas de suspender as actividades no exterior dos centros educativos da Mariña de Lugo.