Viveiro, 5 de marzo de 2026. O Concello de Viveiro realizará unha modificación na programación prevista con motivo do Día Internacional da Muller, o 8-M. Os actos institucionais e de divulgación inicialmente programados para o sábado 7 de marzo trasladaranse ao domingo 8 de marzo, no mesmo horario previsto.
Deste xeito, a presentación da nova edición da «Ruta en feminino», a lectura do manifesto do 8-M e a actividade «Ruta en feminino» celebraranse o domingo 8 de marzo a partir das 12.00 horas. Tanto a presentación como a lectura do manifesto terán lugar na Sala Multiusos do Concello.
A continuación, desenvolverase a «Ruta en feminino», un percorrido polas rúas de Viveiro para poñer en valor a historia das mulleres da vila. A actividade contará co acompañamento de Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro, e realizarase en colaboración coa Asociación Mulleres en Igualdade Viveiro e con Antonio Lage Seara.
Pola súa parte, a comida de confraternidade prevista no Restaurante Louzao mantense sen cambios e celebrarase o sábado 7 de marzo ás 14.30 horas.
A programación do 8M continuará o venres 13 de marzo, ás 20.00 horas, coa mesa redonda «LIDERA+», centrada en boas prácticas, muller, emprego e inclusión. O acto terá lugar na Sala Multiusos do Concello e a entrada será libre ata completar aforo. Esta actividade está organizada por BUMEI Galicia en colaboración co Concello de Viveiro.