Viveiro, 17 de marzo de 2026. O Concello de Viveiro lembra a importancia de manter limpas as rúas e os espazos públicos e insiste en que o abandono de residuos voluminosos, como mobles, colchóns ou electrodomésticos, na vía pública está prohibido segundo a ordenanza municipal en vigor.
Co obxectivo de facilitar unha xestión responsable destes residuos, o Concello pon á disposición da cidadanía un servizo gratuíto de recollida de voluminosos a domicilio, que pode solicitarse a través do número de teléfono 697 162 637. Ademais, estes materiais tamén poden depositarse directamente no Punto Limpo municipal.
O Goberno local lembra que depositar residuos voluminosos na rúa sen autorización pode dar lugar a sancións. A ordenanza recolle multas de ata 750 euros no caso das infraccións leves e de ata 1.500 euros cando se trate de infraccións graves, por reincidencia ou por risco para a saúde pública ou o medio ambiente.
O Concello de Viveiro fai un chamamento á responsabilidade e á colaboración cidadá para preservar unha vila limpa, ordenada e respectuosa co espazo común. Tamén apela ao uso dos servizos habilitados para evitar comportamentos incívicos que prexudican ao conxunto da veciñanza.