Viveiro, 12 de novembro de 2026. O Teatro Pastor Díaz de Viveiro acollerá o vindeiro sábado, 21 de novembro, o concerto «Os soños na gaiola», unha proposta musical colaborativa na que 144 nenas e nenos de sete centros educativos da contorna compartirán escenario coa Banda de Música O Landro.
O espectáculo, que forma parte da programación de Santa Icía, contará con dúas funcións, ás 18:30 e ás 20:30 horas, e constitúe a penúltima cita de «Camiños Sonoros», a temporada 2026 da formación musical viveirense.
«Os soños na gaiola» pon música aos versos do escritor Manuel María a través das composicións de Antón Alcalde e Suso Vaamonde. A iniciativa é o resultado dun traballo desenvolvido nas aulas de música desde o inicio do curso, coa implicación do profesorado dos centros participantes e en coordinación coa Banda O Landro.
Os sete centros educativos que forman parte deste proxecto son: o CEIP de Celeiro, o CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo, o CEIP Francisco López Estrada, o CEIP Península da Paz, o CEIP Plurilingüe de Covas, o CEP Lois Tobío e o CPR Plurilingüe Landro.
Baixo o lema «Aprender desfrutando, desfrutando aprender», a proposta busca achegar a poesía e a música galegas ao alumnado mediante unha experiencia artística compartida, na que as nenas e os nenos interpretarán as cancións acompañados pola banda.
O director artístico da Banda O Landro, Carlos Timiraos, destaca a importancia de que os escolares poidan vivir a experiencia de subir ao escenario e compartir coa formación musical o traballo realizado durante as últimas semanas.
O concerto conta co apoio da Fundación Manuel María de Estudos Galegos e coa colaboración do Concello de Viveiro.
Entradas gratuítas con retirada previa
A entrada ás dúas funcións será gratuíta, pero será necesario retirala previamente ata completar o aforo do Teatro Pastor Díaz.
Os centros educativos participantes encárganse de xestionar as entradas destinadas ás familias do alumnado.
Datos do concerto
- Espectáculo: «Os soños na gaiola», coa Banda de Música O Landro e alumnado de sete centros educativos.
- Data: sábado, 21 de novembro de 2026.
- Horarios: 18:30 e 20:30 horas.
- Lugar: Teatro Pastor Díaz, Viveiro.
- Entrada: gratuíta, con retirada previa ata completar o aforo.