Concello de Viveiro

Urbanismo

A Avenida de Santiago cortarase ao tráfico o luns por mor das obras de mellora do vial

O acceso alternativo habilitarase pola Pedreira e os residentes poderán pasar, salvo nos treitos concretos nos que se estea traballando en cada momento.

Viveiro, 16 de abril de 2026. A Avenida de Santiago cortarase ao tráfico o luns 20 de abril con motivo das obras que se están levando a cabo neste vial, na parroquia de Covas. O corte, xa sinalizado, levará aparellada a habilitación dun itinerario alternativo pola Pedreira para facilitar a mobilidade durante o desenvolvemento dos traballos.

Durante o tempo que se manteña esta afección, os residentes poderán acceder á zona, agás nos treitos concretos nos que se estea a actuar en cada momento, en función do avance da obra.

Esta actuación forma parte das obras de reposición de pavimentos e servizos na Avenida de Santiago, unha intervención financiada con cargo ao Plan Deputación 2025 que permitirá renovar as redes de saneamento e abastecemento e acometer posteriormente a reposición do firme en superficie.

O Concello de Viveiro pide desculpas polas molestias que esta situación poida ocasionar e agradece de antemán a comprensión e colaboración da veciñanza, lembrando que se trata dunha actuación necesaria para mellorar os servizos e as infraestruturas nun punto importante de Covas.