Concello de Viveiro

Cultura

A Banda de Música O Landro de Viveiro reparte o mércores as entradas para «Os soños na gaiola»

A Banda de Música O Landro de Viveiro repartirá o mércores 18 de novembro, de 17:00 a 19:00 horas, as entradas para o público xeral do concerto «Os soños na gaiola».

Viveiro, 16 de novembro de 2026. O reparto farase na sala multiúsos do Concello de Viveiro, ata esgotalas. As entradas non se poderán recoller nin reservar no Teatro Pastor Díaz.

As entradas son de balde. Cada persoa poderá retirar un máximo de dúas e deberá indicar para que función as quere; asignaranse segundo dispoñibilidade.

«Os soños na gaiola» é o concerto de Santa Icía da Banda, un proxecto colaborativo no que 145 escolares de sete colexios da Mariña cantan, xunto á Banda, os poemas de Manuel María musicados por Antón Alcalde e Suso Vaamonde. Haberá dúas funcións o sábado 21 de novembro, ás 18:30 e ás 20:30, no Teatro Pastor Díaz.

Participan no coro o CEIP de Celeiro, o CEIP Plurilingüe Santa Rita, o CEIP Francisco López Estrada, o CEIP Península da Paz, o CEIP Plurilingüe de Covas, o CEP Lois Tobío e o CPR Plurilingüe Landro.

O concerto está organizado pola Banda de Música O Landro de Viveiro, co patrocinio de Xuventude (Xunta de Galicia) e a colaboración do Concello de Viveiro e da Fundación Manuel María.