Concello de Viveiro

Cultura

A Banda de Música O Landro e o Concello de Viveiro presentan uns obradoiros de construción de instrumentos musicais con refugallos

A iniciativa desenvolverase no Conservatorio de Música de Viveiro en dúas quendas e combina educación ambiental, creatividade e formación musical.

Viveiro, 17 de xuño de 2026. O Concello de Viveiro colaborará coa Banda de Música O Landro na organización duns obradoiros de construción de instrumentos musicais con material de refugallo. Trátase dunha proposta que une educación ambiental, creatividade e formación artística e que se desenvolverá durante este verán no Conservatorio de Música de Viveiro.

A iniciativa conta tamén coa colaboración de FCC Medio Ambiente, empresa adxudicataria do servizo vinculada á xestión dos residuos no municipio. Desde o Concello sublíñase que este tipo de actividades permiten avanzar na concienciación ambiental e, ao mesmo tempo, implicar á sociedade, ás asociacións e ás novas xeracións na importancia de preservar o medio natural a través de propostas prácticas e participativas.

Durante a presentación da actividade, o Goberno municipal puxo en valor a capacidade destes obradoiros para conectar dúas dimensións de grande interese público, como son o respecto polo medio ambiente e a educación musical. Neste sentido, destacouse tamén o papel da Banda de Música O Landro como entidade que contribúe á dinamización cultural de Viveiro e á promoción de iniciativas formativas e innovadoras.

Pola súa banda, FCC Medio Ambiente incidiu na importancia de fomentar entre a infancia e a mocidade hábitos ligados á reciclaxe e á re utilización dos materiais. Lembrouse que dar unha nova vida aos residuos tamén forma parte dunha maneira máis responsable de relacionarse coa contorna.

Desde a Banda de Música O Landro explicouse que o obradoiro está pensado para crear unha sinerxía entre educación ambiental e educación artística, co emprego de materiais cotiáns para construír instrumentos e co uso da imaxinación, o traballo en equipo e a creatividade en parte fundamental da experiencia.

Na actividade, haberá dúas quendas dispoñibles: do 22 ao 26 de xuño e do 6 ao 10 de xullo, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Será no Conservatorio de Música de Viveiro. O prezo será de 50 euros na primeira quenda e de 60 euros na segunda. As prazas son

limitadas e cubriranse por orde de inscrición, que deberá realizarse a través do correo electrónico [email protected].

O Concello de Viveiro felicitou á Banda de Música O Landro e a FCC Medio Ambiente por impulsar a proposta. Ademais, incidiu na vontade de seguir apoiando iniciativas que reforcen ao mesmo tempo a sensibilización ambiental, a formación e a vida cultural do municipio.