Viveiro, 6 de xuño de 2025. A exposición «Os Maragatos da Porta de San Pedro», promovida polo Colectivo Egeria e a Fundación Pérez-Carro, foi inaugurada este mediodía na Biblioteca Pública Municipal de Viveiro. Poderá visitarse ata o 20 de xuño. A alcaldesa Mariña Gueimunde e Xulio Xiz, do colectivo Egeria, foron os encargados de presentala.
A exposición «Os Maragatos da Porta de San Pedro» está composta por doce paneis en galego e castelán que recollen a historia da familia Pérez-Carro, asentada en Lugo desde o ano 1880. A través deles e dun catálogo gratuíto que se entregará aos visitantes, afóndase na traxectoria comercial e social desta familia de orixe maragata e na súa vinculación coa cidade de Lugo.
«É unha honra para Viveiro acoller esta mostra que afonda na memoria dunha familia comprometida co comercio e co patrimonio humano de Galicia», afirmou Mariña Gueimunde durante a presentación.
A iniciativa conta con impulso da terceira xeración da familia, con María del Carmen Pérez-Carro García como figura destacada, ao fronte do histórico establecemento comercial da rúa San Pedro.