Viveiro, 4 de maio de 2026. Viveiro será escenario esta semana de varias actividades da Garda Real, no marco da súa presenza na provincia de Lugo. O programa está pensado para achegar á cidadanía o traballo e as capacidades da unidade a través de propostas abertas ao público.
Entre as actividades previstas figuran as visitas a centros educativos, que terán lugar o mércores e o xoves pola mañá. Con elas búscase achegar o labor da Garda Real aos alumnos e ofrecerlles unha oportunidade de coñecer máis de preto o traballo que desenvolven as súas unidades.
A programación continuará o mércores 6 de maio, ás 18.00 horas, cunha xornada de adestramento canino na Praza Maior. As persoas que así o desexen poderán acudir cos seus cans para recibir orientación por parte dos efectivos da sección canina da Garda Real en materia de obediencia e comportamento.
O xoves 7 de maio, tamén ás 18.00 horas, celebrarase no campo de fútbol Marcos Gómez unha exhibición da Garda Real, concibida para todos os públicos. A actividade permitirá coñecer de preto as capacidades desta unidade a través de exercicios con cabalos, motocicletas, escoltas e cans, entre outros medios e especialidades.