Concello de Viveiro

Concello

A Garda Real realizará varias actividades en Viveiro no marco do exercicio «Lugo 2026»

A presenza da unidade na provincia desenvolverase entre o 4 e 10 de maio e incluirá actos abertos á cidadanía.

Viveiro, 17 de abril de 2026. Viveiro albergará ao longo da primeira semana de maio varias actividades dunha unidade da Garda Real, no marco do exercicio «Lugo 2026», que se desenvolverá na provincia entre os días 4 e 10 de maio. A presenza desta unidade militar forma parte dun amplo despregamento co que a Garda Real combinará accións de instrución e adestramento con exhibicións e actos de carácter divulgativo e institucional.

O exercicio planeado en Lugo mobilizará a todas as súas unidades, incluíndo a xefatura e o Estado Maior, os grupos de Honras e Escoltas, a Unidade de Música e un grupo mixto con capacidades loxísticas e de apoio. En total, a proxección prevista supera os 500 homes e mulleres, con máis de 35 vehículos, 15 motocicletas Harley Davidson, 64 cabalos e 12 cans.

O desenvolvemento deste operativo terá unha dobre finalidade: por unha banda, reforzar o adestramento das distintas unidades e, por outra, achegar á cidadanía o coñecemento da Garda Real, das súas misións e das súas capacidades. Neste contexto, a programación prevista na provincia inclúe tamén actos abertos ao público, entre eles unha exposición no Círculo das Artes de Lugo entre o 30 de abril e o 9 de maio, unha exhibición dinámica o venres 8 de maio no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, un concerto da Unidade de Música o sábado 9 na praza de Santa María e a xura de bandeira do domingo 10 de maio no parque Rosalía de Castro de Lugo.