Concello de Viveiro

Medio Ambiente

A praia de Area renova a bandeira azul

O areal de Viveiro figura na relación oficial de distintivos concedidos en Galicia pola Asociación de Educación e do Consumidor.

Viveiro, 6 de maio de 2026. A praia de Area volverá lucir a bandeira azul, xa que figura na relación oficial de areais distinguidos na convocatoria 2026-2027, feita pública pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a partir dos galardóns concedidos pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac). Viveiro aparece así entre os concellos galegos que manteñen este recoñecemento á calidade ambiental, aos servizos e á xestión do litoral.

Segundo a información facilitada pola Xunta, Galicia contará este ano con 118 praias con bandeira azul en 38 concellos, dez máis ca en 2025. Na provincia de Lugo son 17 os areais distinguidos, repartidos en oito concellos, e entre eles figura a praia de Area, en Viveiro.

A propia convocatoria incorpora como novidade que as bandeiras azuis para praias e portos deportivos terán validez para o período 2026-2027. En todo caso, o mantemento do distintivo seguirá condicionado ao cumprimento dos criterios de concesión durante todo ese período, polo que se realizará seguimento anual e os correspondentes procesos de verificación ao longo de 2027.

Os criterios que ten en conta Adeac para outorgar a bandeira azul están relacionados coa calidade das augas, que debe ser excelente, así como coa seguridade, a accesibilidade, a dotación de servizos, a xestión ambiental e a sustentabilidade.

Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, valorou de maneira positiva esta renovación e sinalou que «é unha boa noticia para Viveiro e para a praia de Area, porque supón un recoñecemento ao valor dun espazo moi importante para a veciñanza e tamén para a proxección do noso litoral». A rexedora engadiu que «manter este distintivo significa seguir cumprindo uns estándares esixentes e reforza a importancia de continuar traballando no coidado, na conservación e na calidade dos nosos espazos costeiros».