Viveiro, 5 de agosto de 2026. O Concello de Viveiro inaugurará o vindeiro 7 de agosto, ás 17:30 horas, a XLII Feira de Artesanía de Viveiro, unha das citas máis consolidadas da programación estival, que permanecerá aberta ata o 16 de agosto nos Xardíns Noriega Varela. A feira abrirá diariamente en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 17:30 a 22:00 horas.
A feira reunirá unha trintena de postos de artesanía tradicional, nos que o público poderá coñecer e adquirir creacións de disciplinas como a cerámica, o téxtil, a madeira, a xoiería, a cosmética natural ou o vidro, da man de artesáns e artesás chegados de distintos puntos.
Como novidade, a programación contará tamén cun stand efémero, que irá cambiando ao longo dos diferentes días da feira para dar visibilidade a novos proxectos artesanais, enriquecendo así a oferta expositiva durante todo o evento.
Ademais, as persoas visitantes poderán desfrutar da exposición “La vida a tu lado tiene color”, da artista Miriam Viveiro, que completará a proposta cultural da feira.
A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, destaca que “a Feira de Artesanía é unha cita imprescindible do verán viveirense, que contribúe a dinamizar a cidade, apoia o traballo das persoas artesás e ofrece unha proposta cultural e comercial de gran atractivo para a veciñanza e para quen nos visita”.
O Concello de Viveiro anima á veciñanza e ás persoas que visiten a cidade durante o mes de agosto a achegarse aos Xardíns Noriega Varela para descubrir o traballo dos distintos artesáns e artesás participantes e desfrutar dunha das citas máis tradicionais da programación estival.
