Viveiro, 30 de maio de 2026. O Concello de Viveiro vén de recibir da Consellería de Economía e Industria unha subvención de 94.646,56 euros para a mellora das infraestruturas do parque empresarial de Landrove. A achega concédese ao abeiro da orde de axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia correspondente a 2026. O investimento subvencionable ascende a 118.308,20 euros e a porcentaxe concedida é do 80%.
A actuación aprobada correspóndese co proxecto titulado «Mellora das infraestruturas do parque empresarial de Landrove», redactado por encargo do Concello de Viveiro, e ten como obxectivo reforzar as infraestruturas viarias e de seguridade do polígono industrial. A intervención desenvolverase en varias vías do parque empresarial pertencentes ás parroquias de Landrove e Galdo.
O parque empresarial foi executado hai anos para dotar ao municipio dun espazo axeitado para a implantación de actividades industriais, loxísticas e de servizos, pero o uso continuado e intensivo, xunto coa falta de actuacións integrais de conservación, provocou un deterioro progresivo en dous accesos rodados, na sinalización horizontal e vertical, nos elementos vinculados á protección contra incendios, no sistema de evacuación de augas pluviais, no pavimento podotáctil dos pasos de peóns e nos sistemas de suxeición dos colectores de residuos sólidos urbanos.
Agora, o proxecto contempla, entre outras actuacións, a reparación e acondicionamento de dúas vías de acceso ao parque empresarial, a renovación da sinalización horizontal e vertical, a instalación e sinalización de hidrantes contra incendios, a ampliación da rede de sumidoiros e a colocación de rígolas de formigón para mellorar a evacuación das augas pluviais, a reparación do pavimento podotáctil nos pasos de peóns, e a colocación de novas suxeicións de aceiro inoxidable para os colectores.
A lonxitude aproximada de actuación nas vías é duns 332 metros e a finalidade desta intervención é mellorar a funcionalidade, a accesibilidade, a seguridade e a competitividade do parque empresarial, co que se contribuirá á modernización das súas infraestruturas básicas e ao adecuado desenvolvemento da actividade económica implantada neste ámbito. O prazo de execución previsto é de tres meses.
Desde o Concello de Viveiro valórase positivamente esta achega da Xunta de Galicia, ao considerar que permitirá seguir avanzando na mellora dun espazo clave para a actividade económica do municipio e nas condicións de acceso e servizo ás empresas asentadas no parque empresarial de Landrove.
