- Está previsto licitar neste semestre a redacción do proxecto construtivo da primeira fase.
Viveiro, 29 de abril de 2026. A Xunta de Galicia anunciou a próxima saída a información pública do estudo informativo e de impacto ambiental da variante de Viveiro, un novo avance na tramitación dunha infraestrutura chamada a mellorar as comunicacións no concello e a contribuír á liberación de tráfico no núcleo urbano. A actuación tamén busca dar resposta ás necesidades de mobilidade no principal núcleo da Mariña lucense e o terceiro máis poboado da provincia.
A proposta recollida pola Xunta formula unha estrada cun percorrido de algo máis de 10 quilómetros, distribuído en dúas variantes: unha cara ao oeste, en dirección ao Vicedo, e outra cara ao leste, que conectará co porto de Celeiro mediante un ramal e co corredor Celeiro-San Cibrao. A administración autonómica indica que a actuación se executará por fases.
A primeira fase que se prevé desenvolver é a variante leste, cun trazado de 6,2 quilómetros desde a glorieta de conexión na LU-540, no comezo da travesía de Viveiro, ata a glorieta de inicio do corredor Celeiro-San Cibrao. O investimento estimado para esta fase ascende a 37,6 millóns de euros e no percorrido inclúense dous viadutos, un de 503 metros en Celeiro e outro de 130 metros no Rego Fontecova, ademais da glorieta de conexión coa LU-862. A previsión da Xunta é licitar neste semestre a redacción do proxecto construtivo desta primeira fase.
De acordo coa referencia do Consello da Xunta, a futura variante podería absorber preto do 60% do tráfico actual, incluído o de longo percorrido, o dirixido ao porto de Celeiro e parte do tráfico local. A mesma información oficial sinala que no núcleo de Viveiro se rexistran actualmente máis de 13.000 vehículos ao día.
A alcaldesa Mariña Gueimunde sinalou que este anuncio «supón un paso importante para Viveiro, porque permite seguir avanzando nunha infraestrutura moi necesaria para mellorar as comunicacións e aliviar a carga de tráfico que soporta a vila». A rexedora engadiu que «todo avance administrativo nesta dirección é positivo e debe servir para continuar concretando unha actuación estratéxica para o futuro do municipio».