Viveiro, 19 de agosto de 2026. O Concello de Viveiro informa da finalización e recepción das obras de renovación de servizos e pavimentos na Avenida de Santiago, na parroquia de Covas. Unha actuación que permitiu mellorar de maneira integral as infraestruturas e o estado do viario nun tramo de 320 metros do barrio do Coello.
Os traballos, financiados con cargo ao Plan Deputación 2025, incluíron a renovación das redes de saneamento e abastecemento, así como a posterior reposición do firme, permitindo mellorar tanto os servizos básicos como as condicións de circulación e accesibilidade nesta zona.
A actuación contou cun orzamento de 189.261,61 euros e permitiu dar resposta ás necesidades existentes nun tramo viario caracterizado polo volume de tránsito e polas propias características do seu trazado.
Unha vez rematados os traballos, o Concello de Viveiro procedeu á recepción da obra, dando por concluída unha intervención que supón unha mellora significativa para a veciñanza do barrio do Coello e para o conxunto da parroquia de Covas.
Desde o Goberno municipal destácase a importancia de continuar actuando sobre as infraestruturas e os servizos públicos das diferentes parroquias do municipio, atendendo ás necesidades existentes e mellorando progresivamente as condicións dos espazos públicos.
A finalización desta actuación permite así poñer á disposición da veciñanza unha Avenida de Santiago renovada, con mellores servizos básicos e un firme acondicionado, contribuíndo á mellora da contorna e á calidade dos servizos municipais.