Viveiro, 9 de xuño de 2026. Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, recibiu hoxe na Casa do Concello a Carmela López, presidenta da Deputación de Lugo, nunha visita institucional que serviu para coñecer de primeira man algunhas actuacións executadas e previstas no municipio con financiamento provincial.
Tras o encontro mantido no Concello, no que percorreron as dependencias municipais, Mariña Gueimunde acompañou á presidenta da Deputación nunha visita a algúns puntos de Viveiro nos que se están a desenvolver ou están proxectadas actuacións con cargo ao Plan Deputación.
A alcaldesa destacou a importancia de que a Deputación coñeza sobre o terreo as necesidades do concello e o destino dos fondos que a institución achega. Neste sentido, subliñou a vontade do Concello de Viveiro de seguir colaborando desde o respecto institucional cunha administración que resulta clave para atender proxectos e actuacións de interese para a veciñanza.
Durante a xornada, a visita centrouse na parroquia de Covas, onde se comprobou a evolución da obra que se está a executar na avenida de Santiago con cargo ao Plan Deputación 2025. Esta actuación conta con preto de 190.000 euros e abrangue a rehabilitación do firme, a mellora das redes de servizos básicos e actuacións en accesibilidade.
A comitiva percorreu tamén a contorna de Cantarrana e outras rúas de Covas nas que está prevista unha actuación integral con financiamento do Plan Deputación 2026. Estas intervencións contarán con máis de 356.000 euros de investimento e permitirán renovar pavimentos e modernizar servizos básicos de saneamento, pluviais e abastecemento de auga en varias vías da zona.
O Concello de Viveiro quere subliñar que estas actuacións se financian con cargo ao Plan Deputación, un programa a través do cal a institución provincial transfire fondos aos concellos, e que foi o goberno municipal o que decidiu priorizar investimentos na parroquia de Covas pola necesidade de actuar nunha contorna que acumulaba importantes necesidades de mellora.
Mariña Gueimunde puxo en valor a relevancia destes investimentos para seguir mellorando a calidade urbana e os servizos nunha parroquia tan importante como Covas,
e agradeceu que a presidenta da Deputación puidese comprobar tanto o que xa se está executando como o que está previsto acometer nos vindeiros meses.
Aproveitando a visita a Covas, a alcaldesa trasladou tamén á presidenta da Deputación as necesidades existentes no entorno do campo de fútbol de Cantarrana, despois dun encontro co presidente do Viveiro Club de Fútbol. Neste sentido, desde o Concello valórase positivamente a disposición mostrada pola Presidencia da Deputación a colaborar en futuras melloras das instalacións deportivas municipais.
Así mesmo, Mariña Gueimunde reclamou á presidenta provincial a posta a punto das estradas de titularidade da Deputación no municipio, entre elas a que dá acceso ao Monte San Roque e a vía das Nogueiras, ademais doutras actuacións pendentes na rede viaria provincial nas parroquias, especialmente en Vieiro e Galdo.
