- Responsables municipais abordaron os retos da innovación desde o ámbito dos concellos.
Viveiro, 19 de decembro de 2025. Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, participou nas xornadas «Plans Locais de I+D+i. Cara á transformación municipal», celebradas no Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. No encontro analizouse o papel da innovación e do coñecemento na xestión municipal.
A alcaldesa interveu na mesa redonda titulada «Territorio, coñecemento e innovación: a visión dos alcaldes», xunto a representantes municipais doutras provincias galegas. Durante a sesión, abordáronse os retos actuais e futuros da administración local nun debate moderado por Natalia Prieto, directora xeral de Administración Local.
Na súa intervención, Mariña Gueimunde defendeu unha concepción da innovación ligada ás necesidades reais da cidadanía. Salientou que innovar desde o ámbito local implica dar respostas eficaces a cuestións como o emprego, a calidade dos servizos públicos, o reto demográfico, a conciliación ou as oportunidades para a mocidade e as mulleres. Neste sentido, destacou a importancia de aproveitar os recursos propios do territorio —patrimonio, actividade económica e identidade cultural— como base para un desenvolvemento sostible.
A rexedora incidiu tamén na necesidade de construír ecosistemas locais de innovación baseados na colaboración institucional, na coordinación co tecido empresarial e educativo, na aposta pola formación e no fomento da participación cidadá. Considerounos elementos clave para consolidar proxectos transformadores a medio e longo prazo.
De cara ao futuro, mencionou a modernización e dixitalización da administración local, a innovación orientada á transición ecolóxica e o apoio ao pequeno comercio, á industria e ao sector primario como prioridades para os concellos. Subliñou, ademais, a importancia de contar con financiamento estable, marcos normativos máis áxiles e redes de colaboración entre municipios para avanzar na implantación de políticas innovadoras.
As xornadas, organizadas pola Xunta de Galicia, reuniron a responsables institucionais, persoal técnico e representantes municipais co obxectivo de compartir experiencias e avanzar na definición de follas de ruta en materia de innovación local.
