Concello de Viveiro

Xuventude

O Concello de Viveiro abre a convocatoria do programa «Fórmate na empresa» para a mocidade

A iniciativa, cofinanciada polo FSE+ Galicia 2021-2027 e a Xunta de Galicia, ofrece prácticas remuneradas en empresas locais.

Viveiro, 18 de abril de 2026. O Concello de Viveiro vén de abrir a convocatoria do programa de inserción laboral «Fórmate na Empresa», dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos empadroados en Galicia que busquen a súa primeira experiencia profesional ou desexen mellorar o seu perfil nalgún sector estratéxico. Para participar nel, é necesario contar cunha antigüidade mínima dun ano no padrón e estar inscrito no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da comunidade autónoma. A inscrición pode realizarse na Oficina Municipal de Información Xuvenil, situada no primeiro andar da Casa do Concello.

O programa, cofinanciado polo FSE+ Galicia 2021-2027 e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ofrece prácticas en empresas de tres meses de duración, con data límite de finalización o 31 de outubro de 2026, e unha axuda económica mensual de 690,66 euros. Ademais da experiencia profesional cun titor na empresa, os participantes recibirán un plan formativo complementario de 20 horas en habilidades clave para o emprego, co obxectivo de facilitar a súa inserción laboral.

A iniciativa está aberta tamén á participación de empresas do Concello de Viveiro e da contorna mediante a sinatura dun convenio gratuíto, especialmente nos sectores da aeronáutica, agro alimentación, biotecnoloxía, automoción, enerxías renovables, madeira-forestal, metal mecánico, naval, pedra natural, téxtil moda, tecnoloxías da información e da comunicación e calidade de vida e benestar. As empresas interesadas poden contactar a través do correo electrónico [email protected].