Viveiro, 30 de outubro de 2026. O Concello de Viveiro informa de que os traballos que se están a desenvolver na estrada LU-862, na contorna de Covas e Cantarrana, forman parte dunha primeira fase de actuación dentro do proxecto da Xunta de Galicia destinado a reducir o ruído producido polo tráfico nesta vía.
Nesta fase inicial estanse a realizar labores de fresado nos tramos do pavimento que presentan un maior deterioro, para proceder posteriormente á aplicación dunha primeira capa de aglomerado asfáltico.
Por este motivo, o firme pode presentar actualmente un aspecto irregular, con zonas asfaltadas de maneira diferenciada, xa que os traballos que se están a executar non constitúen o acabado definitivo da estrada.
Segundo a planificación trasladada, a aplicación da capa definitiva de asfaltado está prevista para a primavera, cando as condicións permitan completar esta fase dos traballos.
O Concello de Viveiro traslada esta aclaración para informar a veciñanza sobre o desenvolvemento das obras e explicar que o estado actual do pavimento responde ás distintas fases previstas na actuación.