O Concello de Viveiro acometerá a mellora dun tramo de saneamento en Celeiro

A actuación permitirá trasladar a canalización que pasa polo medio dunha finca aos límites da propiedade e evitar futuros riscos.

Viveiro, 4 de novembro de 2025. O Concello de Viveiro levará a cabo unha obra de mellora nun tramo da rede de saneamento de Celeiro que discorre polo medio dunha finca privada e que está a causar deterioro no terreo. Trátase dunha intervención «urxente e necesaria», segundo explicou a alcaldesa Mariña Gueimunde, quen subliñou que «o obxectivo é resolver definitivamente un problema que leva anos xerando queixas veciñais e que podería acabar afectando tamén á estrada».

O informe técnico emitido pola empresa concesionaria do servizo, Viaqua, determina a inviabilidade de reparar o tramo existente da rede municipal debido á súa grave degradación estrutural. As inspeccións realizadas mediante cámara interior constataron múltiples fendas lonxitudinais e transversais no conduto de formigón, así como un avanzado deterioro do material, que xa superou o seu período de vida útil. A compañía recomenda, por tanto, a substitución completa do tramo e a modificación do seu trazado actual.

O novo proxecto contempla a eliminación da canalización que actualmente atravesa unha finca de titularidade privada e o seu traslado aos límites da propiedade, coa finalidade de facilitar as tarefas de mantemento e evitar a repetición de incidencias no futuro. Ademais, esta actuación permitirá mellorar o funcionamento xeral da rede e garantir a súa estanquidade e seguridade, ao tempo que se protexe o terreo e se prevén posibles afeccións á vía pública.

En principio, a obra financiarase con fondos propios municipais, aínda que o Concello está a analizar a posibilidade de asinar un convenio coa Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, para compartir o financiamento da actuación. «Estamos a falar dunha obra prioritaria para garantir o bo estado das infraestruturas e a seguridade en Celeiro», destacou a rexedora, quen lembrou que «esta situación levaba anos preocupando tanto aos veciños como ao propio Concello, polo que se traballou con Viaqua para atopar unha solución definitiva e viable».

A actuación forma parte do compromiso do Concello de Viveiro coa mellora progresiva das redes de saneamento e abastecemento no conxunto do municipio, priorizando aquelas intervencións que teñen incidencia directa sobre o benestar veciñal e a conservación do dominio público.